O Coro de Cámara Rías Baixas presentouse en xaneiro do 2014 en Vigo coa finalidade de interpretar e promover a música coral dunha maneira específica e especializada.
Dende a súa creación, participou nunha ampla variedade de actuacións, tanto organizadas pola propia agrupación como enmarcadas en ciclos e festivais recoñecidos como Outono Lírico, Vigo Sinfónico, Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera, Nas Ondas, Pórtico Sonoro, Explurart, Cooltural Cambados ou o Festival Groba. Nestas actuacións, interpretáronse pezas destacadas do repertorio coral en auditorios e igrexas das catro provincias galegas, tanto a cappella como acompañadas por instrumentos. Entre as obras interpretadas destacan a Petite Messe Solennelle de G. Rossini (versión para dous pianos), o Réquiem en Do menor de L. Cherubini, as Funeral Sentences and Music for the Funeral of Queen Mary de H. Purcell, a Krönungsmesse ou o Réquiem en Re menor de W. A. Mozart, o Réquiem en Re menor de G. Fauré ou o Gloria de A. Vivaldi. Ademáis, destaca a súa participación, en colaboración con Amigos da Ópera de Vigo, nas representacións de Rigoletto, Macbeth, Tosca, Il barbiere di Siviglia, Falstaff, Il Trovatore e Don Pasquale.
Traballou ao longo destes anos con agrupacións instrumentais como a Orquestra de Cámara Galega, a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Sinfónica Vigo 430 ou a Real Filharmonía de Galicia, así como o Ensemble Vigo 430, a Orquestra Barroca Vigo 430, o ensemble Caspervek e o grupo de metais Tuvara Brass. Ademáis de actuar habitualmente baixo as ordes do seu director titular, o coro tamén ten actuado baixo a dirección dos mestres Paul Goodwin, Rogelio Groba, Vicent Alberola, Diego García, Diego Fortes, Maximino Zumalave, Manuel Coves ou Lina Tur Bonet, entre outros. A formación colaborou con pianistas do talle de Alejo Amoedo, Carlos Enrique Pérez, Saúl Chapela e Brais González, actual director artístico, e ten acompañado a solistas como Beatriz Riobó, José Luis Vázquez ou Lucas López, entre outros.
Estreou obras como Van Comigo e a versión para orquestra de corda da cantata Anxos de Compostela de Rogelio Groba. Tamén a obra Duns folios que foron brancos de Miguel Matamoro conxuntamente con outros coros de Galicia, ademáis dunha serie de obras do compositor galego Juan Durán no marco do Solemne Peche da Porta Santa do ano 2022 na Catedral de Santiago de Compostela. Por outra banda, estreouse a composición coral inspirada nas sete Cantigas de Amigo de Martín Códax, a banda sonora para a película La Passion de Jeanne d’Arc co ensemble Caspervek ou a Sinfonietta xunto a Real Filharmonía de Galicia, todas elas compostas por Brais González.
Dentro do repertorio a cappella ten interpretado obras de compositores que abranguen todas as épocas da historia da música, tales como Cristóbal de Morales, Tomás Luis de Victoria, Wiliam Byrd, Johann Sebastian Bach, Wolfgang Amadeus Mozart, Félix Mendelssohn, Charles Villiers Stanford e G. Forbes, entre outros. Ademáis, inclúe no seu repertorio obras de compositores galegos como, por exemplo, Joam Trilho (Ingemisco, Eucarística), Julio Domínguez (Ave María), Daniel G. Artés (Alleluia) ou Francisco Rey Rivero (Dúas cantigas de namorada).
No ano 2023, publicouse o álbum Corrente do Golfo, un proxecto de jazz latino do pianista galego Alberto Conde e a cantante Diana Tarín no que o coro colaborou na gravación do tema Para Vigo me voy.
Na actualidade O Coro de Cámara Rías Baixas presenta unha serie de proxectos para consolidar a súa presenza, colaborando activamente con diferentes institucións e asociacións musicais enriquecendo a oferta cultural da cidade de Vigo e de toda Galicia.
Dirección
DIRECTOR ARTÍSTICO
Brais González
DIRECTOR FUNDADOR
Bruno Díaz
Compoñentes
Sopranos
- Noelia Ratel
- Marta González
- María del Pilar Baamonde
- Cecilia Blanco
- Irene Rico
- Julia Turner
- María de los Santos Gago
Altos
- Marta Barrecheguren
- Uxía Matos
- Paula Abalde
- Sabela Girón
- Cristina Louzán
- Cristina Trillo
- Pilar Posada
Tenores
- Jesús Garre
- José García
- Juan Carlos Pardo
- Juan Antonio Gómez
Baixos
- Miguel Neira
- Gabriel Straus
- Ignacio G. Casares
- Rubén Troitiño
Director artístico: Brais González
Xestión e administración técnica
Presidenta: Noelia Ratel
Vicepresidente: Miguel Neira
Secretario: Juan Carlos Pardo
Tesoureira: Cristina Trillo
Vogal: Marta González
Comunicación: Rubén Troitiño
Material para medios de comunicación
Benvidos a todos os membros da prensa e medios de comunicación, para nós é un pracer darlles a máis cordial benvida a esta sección deseñada especialmente para vostedes. Aquí atoparán unha variedade de materiais que lles serán de gran utilidade para coñecer en profundidade ao Coro de Cámara Rías Baixas e ao seu director artístico, Brais González.
Preparamos un completo dossier que abrangue tanto a historia do Coro de Cámara Rías Baixas como a destacada traxectoria do noso director artístico. Este dossier lles proporcionará información detallada e enriquecedora que lles permitirá coñecer de preto a nosa paixón pola música coral.
Ademais, poñemos á súa disposición fotografías en alta resolución que capturan a esencia e a enerxía das nosas presentacións. Estas imaxes reflexan a paixón e a harmonía que caracterizan ao Coro de Cámara Rías Baixas en cada unha das súas interpretacións. Tamén atoparán os logotipos oficiais do coro, que poderán utilizar nas súas publicacións co fin de ofrecer unha representación precisa e recoñecible da nosa identidade.
Se teñen algunha pregunta, dúbida ou necesitan calquera aclaración adicional, non dubiden en poñerse en contacto connosco. Estaremos encantados de atendelos e proporcionarlles a información que requiran. Poden contactarnos a través do correo electrónico comunicacion@cororiasbaixas.com.
Agradecemos sinceramente o seu interese no Coro de Cámara Rías Baixas e a súa disposición para compartir a nosa paixón pola música. Esperamos que os materiais que preparamos lles sexan de grande utilidade e lles inspiren a difundir o noso traballo.
Un saúdo afectuoso, moitas grazas.