Papá Noel percorrerá o centro da cidade cos seus renos o día 21 e recibirá a rapazada nun espectáculo no Auditorio e no Poboado de Nadal / Festa e concerto de Aninovo, Cabalgata de Reis, Mercado, Poboado, Parque de Aventuras e Belén municipal son outras das propostas que amenizarán a cidade durante as festas.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Artes e Festexos, Noa Rouco, presentaron esta mañá a programación de actividades que organiza o Concello de Ourense para celebrar o Nadal 2023, cunha chea de propostas para todos os públicos. Papá Noel percorrerá un ano máis o centro da cidade cos seus renos o xoves, 21 de decembro, recibirá a rapazada ourensá nun espectáculo no Auditorio o sábado, 23, e no Poboado de Nadal (22, 23 e 24). A programación de actividades organizas polo Concello incluirá tamén as tradicionais citas coa Cabalgata de Reis, a Festa de  Fin de Ano, co Trío Somoza e A Gramola, e o Concerto de Aninovo, coa Orquestra San Rosendo e o coro de cámaras Rías Baixas.

Mercado e Poboado de Nadal e Belén municipal, xa abertos ao público, e proximamente os carruseis e o Parque de Aventuras son outras das propostas que amenizarán a cidade durante estas festas. Tamén haberá neve na Praza Maior e no Poboado de Nadal e Autobús musical (desde o día 15). “Vai ser un Nadal marabilloso”, asegurou o alcalde na presentación das actividades, destacando a grande participación do público no acto de acendido da iluminación de Nadal, “un dos eventos máis multitudinarios do ano en Ourense, con decenas de miles de persoas que saíron á rúa”

Papá Noel saudará a a rapazada da cidade con 3 citas. O xoves, 21, o séquito de Papá Noel cos seus renos percorrerá o centro da cidade desde as 19.00 h, desde a Torre de Ourense até a Praza Maior. Dous días despois, o sábado, 23, recibirá os nenos e as nenas no Auditorio municipal nun espectáculo de Pablo Méndez Papá Noel en Ourense: unha nova aventura de Nadal. Serán 3 pases: 17:00 h 18.15 h e 19.30 h e as entradas (3€) pódense conseguir na web de Ataquilla. Papá Noel recibirá a rapazada no Poboado de Nadal os días 22 e 23 e 24 de 18 a 21 h

O ano 2024 comezará coa música do Trío Somoza, que desde as 1.00 h actuará na Praza de Santa Eufemia e A Gramola, na rúa do Progreso. Esa mesma xornada, ás 19.00 h, haberá cita no auditorio, co Concerto de Aninovo: Coros, aberturas e preludios de ópera, interpretados pola Orquestra San Rosendo e o coro de cámaras Rías Baixas, dirixido por Diego Fortes Conde. A entrada pódese obter na web de Ataquilla

A Cabalgata de Reis percorrerá a cidade un ano máis o 5 de xaneiro. As súas Maxestades chegarán á estación de tren ás 17:30 h e percorrerán co seu séquito a tradicional ruta polas rúas Eulogio Gómez Franqueira, Avenida das Caldas, Ponte Vella, Progreso, Doutor Marañón e Praza Maior. A madrugada de Reis estará amenizada desde as 0.30 h pola Gramola na rúa do Progreso.

O  Belén municipal, de Arturo Baltar, volverá ser un ano máis un dos referentes do Nadal en Ourense. O espazo expositivo da Praza de San Cosme ampliará o seu horario de apertura desde o 16 de decembro ata o 6 de xaneiro. Abrirá as portas de 11:30 h a 14:00 h e de 17:30 h a 20:30 h (agás os días 25, 1 e 6, que abrirá só de tarde).

Outros espazos destacados serán o Parque das Aventuras e o tren eléctrico de Papá Noel, que estarán no Xardín do Posío, desde o xoves 21 (11.30 a 13.30 h e 16.30 a 20.30 h. Tamén desde ese día abrirán ao público dous Carruseis, un deles na entrada da Ponte Vella, de 11.30 a 14.00 h e de 16.30 a 20.30 h. E durante todas as festas seguirán abertos ao público o Mercado de Nadal no Parque de San Lázaro (11 a 14 e 17 a 20h, con obradoiros ás 17.00 horas) e o Poboado de Nadal, en Bispo Cesáreo

O barrio do Couto acollerá Ourenadal, con diferentes actividades relacionadas coa ecoloxía e a reciclaxe, nas rúas Álvarez de Soutomaior e Gregorio Fernández. En materia deportiva, destacan dúas citas clásicas: a carreira de San Silvestre, o 31 de decembro pola tarde e a Subida á Costiña de Canedo, o 1 de xaneiro á 1 do mediodía.

Auditorio

O Auditorio municipal acollerá durante estas datas unha ducia de espectáculos, con propostas para todos os públicos: Gala contra o cancro (15), Papá Noel en Ourense: unha nova aventura de Nadal (21), Esfínter 3 con Javier Veiga, Rober Bodegas e David Amor (26), proxección da película Momias (Centro comercial aberto) o 27, Atempo, de Pablo Méndez (29), Tributo a Frozen, A raíña do xeo (30), Concerto de Aninovo (1 de xaneiro), Mago Paco e Mago Teto, do Centro comercial aberto os días 2 e 3, Galicia Magic Fest (4), Noites de retranca (13), Escándalo en Palacio (19) e Remember Queen (20).

Enlace á noticia Programación completa
Categorías: Novas