A Real Filharmonía de Galicia e o Coro de Cámara Rías Baixas interpretaron pezas de Jesús Bal e Gay e Reveriano Soutullo, ademais da estrea da “Sinfonietta” do vigués Brais González
O Teatro Afundación de Vigo foi o escenario onte do Concerto das Letras Galegas, organizado polo Consello da Cultura Galega para homenaxear a Francisco Fernández del Riego, un optimista radical e vigués de adopción.
A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave, estivo acompañada polo Coro de Cámara Rías Baixas e interpretaron un programa musical que viaxaba pola xeografía amada polo homenaxeado da man de dous grandes compositores consagrados: Jesús Bal y Gay e Reveriano Soutullo.
A eles sumóuselles o nome do músico vigués Brais González Pérez, que compuxo por encarga do Consello da Cultura Galega a obra “Sinfonietta”. A estrea desta peza en tres movementos, cerrou este Concerto das Letras Galegas 2023, para completar un concerto que o propio compositor vigués afirmaba que “conforma un prisma con moitos ángulos distintos do que era a figura del Del Riego, plasmada a través da música”.
A súa peza está composta sobre textos de Salvador García-Bodaño e Xaime Isla Couto dedicados a Francisco Fernández del Riego, máis unha parte instrumental de “A miña burriña”, unha das cancións predilectas de don Paco.