En 1914 o libreiro conquense Pedro Vindel atopou por azar nas gardas dun libro antigo un pequeno pergamiño que contiña sete cantigas de amigo do trobador galego Martín Códax. O seu achado supuña a primeira testemuña de canción profana galaico-portuguesa; das sete cantigas incluídas no pergamiño, seis contiñan notación musical, moi similar á das Cantigas de Santa María de Alfonso X O Sabio. Dende o seu descubrimento, o pergamiño desapareceu durante un tempo e vagou por distintos lugares do mundo ata recalar finalmente na Biblioteca Morgan de Nova Iorque.
Moitas décadas despois, no verán de 1990, o profesor estadounidense Harvey Leo Sharrer atopa por azar nas gardas doutro libro antigo no Arquivo Nacional da Torre do Tombo de Lisboa un pergamiño que contén sete cantigas de amor compostas polo rei de Portugal Don Dinís. A pesar de que o seu estado de conservación era moito peor que o do pergamiño de Martín Códax, foi posible transcribir a música dos sete poemas do monarca luso.
O compositor vigués Brais González realizou nos últimos unha adaptación e harmonización dos dous ciclos de cantigas, baseándose en distintos estilos corais, dende o blues e gospel á música coral vasca ou a música barroca.